Monday 29 de April de 2024

Dende Arxentina e Combarro, dúas mentes inquedas nun momento ben doce visitan poetas DI(N)VERSOS


 

 

Mes a mes dende outubro ata xuño, continúan no Centro Ágora da Coruña as citas mensuais co mellor da poesía de Galicia e do resto do mundo que propón o Ciclo POETAS DI(N)VERSOS. E este vindeiro luns 10 reunirán a partir das 20:30h dúas voces poéticas que atravesan un dos mellores momentos das súas carreiras. Mentes inquedas e plumas ben recoñecidas das letras arxentina e galega, estamos a falar de Hugo Mújica e de Tamara Andrés.

Ambos os dous compartirán os seus versos cun público capaz de demostrar, cada mes, a forte conexión coa emoción posta en palabras que segue a ser quen de seducir a públicos propios e estraños. Arredor dunha hora durará este evento patrocinado pola Concellaría de Cultura da Coruña, aberto e gratuíto e conducido por quen o ideou hai xa once anos e continúa a coordinalo, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.

Tras a presentación e a interpretación dos poemas nas súas propias voces, a autora combarresa e o arxentino ficarán ao dispor de quen queira levar unha sinatura nos exemplares dos seus libros, pois unha libraría de proximidade volverá poñer á venda os exemplares dos convidados.

Tamara Andrés (1992) é tradutora e intérprete e unha imparable activista da literatura a través da organización de eventos e accións poéticas, ciclos de recitais, proxectos escénicos e audiovisuais, obradoiros de poesía e de animación á lectura, e ata un festival de poesía, mentres co-dirixe a revista Ligeia. Finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, ela encóntrase nun dos máis doces momentos da súa carreira: o da rotunda consolidación tras a saída de dous recentes poemarios ao mesmo tempo, “irmá paxaro” e “bosque vermello”. Tamén a inqueda procura dun dos poetas máis celebrados das letras hispánicas, Hugo Mújica (1942), ten sido incansable: a través dos camiños da arte, da literatura, dos estudos superiores (Belas Artes, Filosofía, Antropoloxía Filosófica, Teoloxía) pero tamén os camiños das drogas, da perpetua viaxe polo mundo e da espiritualidade (foi Hare Krishna, monxe trapense con voto de silencio por sete anos e sacerdote católico). Viviu o Greenwich Village de Nova York nos sesenta, o festival de Woodstock e a compañía de Allen Ginsberg e outros poetas beat; illouse un ano no campo para escribir a súa autobiografía e logo tirala ao lixo, atendeu unha parroquia en Bos Aires, afastouse do exercicio sacerdotal e conta hoxe con case trinta libros publicados entre ensaios, prosas e poemarios.

Será a quinta cita deste décimo primeiro ano consecutivo de POETAS DI(N)VERSOS, unha programación que fora Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural en 2014.

Pola súa banda, Luís Valle é un poeta en absoluto ascenso que, tras dúas décadas afianzando unha coidada poética, se consolida en Galicia coma un dos mellor considerados dos últimos anos. Desempéñase profesionalmente na xestión cultural e a comunicación e obtivo galardóns coma o Lueiro Rey, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Afundación polos nove poemarios que publicou até o de agora.

Con este novo evento continúa así, no auditorio do Centro Ágora, a programación que reúne a mellor literatura en verso de Galicia e do resto do mundo; sempre en luns, ás 20:30h, durante unha hora e con acceso aberto e gratuíto. Ademais, cada mes unha libraría de proximidade ofrece á venda os exemplares dos convidados cunha sinatura do seu puño e letra.

O decimoprimeiro ano consecutivo destas citas poéticas mensuais continuará de xeito ininterrompido até o vindeiro xuño, constituíndo a única cita periódica con poetas internacionais (ademais de locais) en todo o Estado. No ano 2014, POETAS DI(N)VERSOS foi Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.